Descarga
- Logo SOS
- Banner
- Modelo de cartaz manifestación 3 de xuño
- Folleto informativo manifestación 3 de xuño
- Folleto informativo manifestación 3 de xuño (duplo)
- Cartaz Manifesto ILP
- Logo ILP 1
- Logo ILP 2
- Logo ILP 3
Plataformas Sanidade
* Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol
* Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte de Lemos
* Plataforma contra a privatización de Pontevedra
* Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área de O Barco
* Plataforma en defensa da Sanidade Pública do Salnés
* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Lugo
* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Ourense
* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Cangas
* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Moaña
* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Santiago
* Plataforma pola Defensa e Mellora da Sanidade Pública da Coruña
* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Vigo
* Plataforma en defensa da Sanidade Pública na Mariña
* Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza
* Asociación Galega para a defensa da Sanidade Pública (Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública)
Procurar
Plataformas Sanidade
Autobus Barbanza para a manifestación do día 16
Venres, 14 Xuño 2013 10:38
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da comarca da Barbanza quere lembrar a toda a cidadanía que haberá un autobús que parará en Ribeira, Pobra, Boiro e Rianxo para acudir a manifestación polo dereito ao aborto libre e gratuito o próximo domingo ás 17.00 horas en Santiago,
Interesadas/os contactar no número 657557169
Un saúdo e grazasOurense: queremos respostas
Venres, 14 Xuño 2013 10:30
PLATAFORMA POLA DEFENSA E MELLORA DA SANIDADE PÚBLICA DE OURENSE
De todos e todas é coñecido o empeño que leva posto esta Plataforma cidadán para que a Provincia de Ourense teña as infraestruturas sanitarias que en xustiza lle corresponden.Tamén é coñecido por todos e todas que o goberno do Sr. Feijoo tense empeñado en que Ourense sexa o furgón de cola do investimento sanitario galego, levan 6 anos de goberno nos que apenas teñen dado pasos para que o Plan Director de Infraestruturas do CHUO se vexa rematado e outro tanto pasa, cos diferentes centros de saúde que estaban proxectados no O Couto, O Vinteún e Barbadás.
Despois de varias representacións de planos e maquetas prometen que este ano 2013 iniciaríanse, por fin, as obras e que pasados 24 meses terían rematado as mesmas, é dicir despois de finalizada a segunda lexislatura do goberno de Feijoo na Xunta.
Esta Plataforma criticou duramente, no seu día, o tipo de procedemento empregado para a adxudicación das obras pois consideramos que se estaban a introducir medidas privatizadoras no camiño do xa coñecido como financiamento público/privado (PFI).
Do resultado deste proceso a empresa, que resultara adxudicataria do chamado Concurso de “Xestión integral de espazos do CHUO” faríase co control e xestión de servizos que son estratéxicos no funcionamento de calquera Hospital, enerxía, limpeza, mantemento, seguridade, informática, etc establecéndose de facto dúas administracións unha para a parte “non sanitaria”, controlada por unha empresa privada e outra para a “sanitaria”. Ademais este procedemento leva implícito a perda dun número importante de postos de traballo no sector público.
Todos sabemos que este modelo de xestión sanitaria é un modelo que busca o lucro económico nun sector como o da saúde, que nós consideramos un dereito básico das persoas ( recoñecido pola Constitución, Estatuto de Autonomía e Lei Xeral de Sanidade) e polo tanto non debería estar suxeito a rendibilidade económica pois a mesma lévanos a que os servizos sanitarios mingüen na súa calidade e haxa maiores riscos para os pacientes, cuestións que se teñen verificado naqueles países onde se ten implantado polo que, eses mesmos países, teñen freado o seu desenvolvemento pois ao anterior hai que engadirlle que resultan ser moito máis caros e provocan unha maior morbimortalidade na poboación atendida.
Máis os Sres do PP empéñanse en manter esta estratexia que mesmo se está a volver contra deles pois temos o exemplo claro do Novo Hospital de Vigo, licitado por un procedemento semellante ao que se quere facer en Ourense, que leva paralizado varios meses e sen visos de atoparlle unha saída ao problema da falla de liquidez das construtoras encargadas do proxecto e catro veces máis cara a súa construción que de ser realizado polo procedemento tradicional..
Agora en Ourense pode pasar o mesmo. Nos últimos días temos sabido que hai unha falla de empresas concorrentes a licitación do Concurso de “Xestión integral de Espazos do CHUO” e polo tanto os 14 millóns de euros que tería que depositar como fianza a empresa adxudicataria e que serían, segundo a propia Consellería de Sanidade, unha parte dos cartos que servirán para poñer en marcha as obras do paralizado Plan Director de Infraestruturas non se pode contar con eles para este proxecto.
Esta Plataforma ten manifestado que este concurso de “Xestión Integral” deixaba fora de xogo a calquera empresa local, e mesmo do ámbito galego, que quixera presentarse ao concurso, pois o volume da fianza e o ter feito unha oferta global de servizos imposibilita que a maioría das nosas empresas de mediano tamaño puidesen competir coas grandes construtoras ou sociedades de fora do país.
Agora a Consellería e a Xerencia de Ourense atópanse ante un grave problema, creado como froito da súa incapacidade e chapuceira xestión de todo que ten que ver con dotar a Ourense dunhas Infraestruturas Sanitarias dignas, e este problema llelo trasladan á cidadanía, pois son as xentes de Ourense quen terán que sufrir as consecuencias desta neglixencia.
Dende a Plataforma queremos manifestar a nosa preocupación polo que poda pasar coas obras do Plan Director, tantas veces presentado e tantas veces atrasado.
As declaracións da Xerencia de Ourense non informan de como pensan solucionar esta situación. Pensamos que os veciños e veciñas de Ourense corremos o risco de volver a sufrir os atrasos na construción do novo Hospital e tamén e perder os fondos Europeos para a alta Tecnoloxía que aprobou a Unión Europea para completar e mellorar a existente no noso Hospital. Estes cartos non quedarían en Ourense se para o ano 2014 as obras non están en marcha.
Por todo elo pedimos a Consellería de Sanidade e Presidente Sr. Feijoo unha resposta clara e contundente de como pensa levar adiante as obras do Plan Director do CHUO.
Que explique con “luz e taquígrafos” de onde vai saír o orzamento para esta obra despois de non poder contar cos 14 millóns de fianza do concurso de Xestión Integral de Espazos do CHUO.
Esta Plataforma tamén quere insistir que as Infraestruturas son necesarias pero de pouco valen novos Hospitais ou Centros de Saúde se os servizos se recortan, se aumentan os copagos, se limitan o acceso a atención sanitaria, se recortan en persoal e carteira de servizos, etc . Actualmente hai datos moi preocupantes cara o verán, un deles é o recorte de prantillas nalgúns PACs da provincia e no Servizo de Urxencia do CHUO e outro é instaurar atención a tempo parcial para os substitutos do persoal de Enfermaría nos Centros de Saúde. De novo ponse por diante da calidade e a seguridade na atención os mesquiños intereses de rendibilidade económica.
A cidadanía de Ourense non quere máis maquetas, nin inauguracións de planos. Queremos respostas. Tampouco queremos que os cartos aprobados pola Unión Europea para Ourense se marchen para outros lugares. Esiximos un pronunciamento sen ambigüidades por parte do goberno da Xunta. De non ser así, esta Plataforma comprometese a convocar a tódalas entidades, organizacións e movementos sociais da provincia para realizar unha gran mobilización que denuncie a inxustiza e desprezo que se lle leva facendo a esta provincia no investimento sanitario tantas veces prometido e tantas veces adiado por parte do Goberno presidido polo Sr, Feijoo..
Ourense 13 de Xuño do 2013.-
PLATAFORMA POLA DEFENSA E MELLORA DA SANNIDADE PÚBLICA OURENSE
Campaña "Pra que non nos calen" da Plataforma da Mariña
Xoves, 06 Xuño 2013 12:11
A CAMPAÑA DA PLATAFORMA “PRA QUE NON NOS CALEN” DA COMEZO NO MERCADO DE RIBADEO E CONTINUARÁ POR OUTRAS VILAS DA COMARCA
RECOLLIDA DE SINATURAS, ADHESIÓNS Á PLATAFORMA E APOIO PARA CONTINUAR DENUNCIANDO O DESMANTELAMENTO DA SANIDADE PÚBLICA NA COMARCA
A Mariña, 5 de xuño de 2013. A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública iniciou en Ribadeo unha campaña informativa baixo o lema “Pra que non nos calen” onde denuncian a actuación represiva e persecutoria da Sub-delegación do goberno do Estado en Lugo coa imposición de sendas sancións de 1.500 euros a dous dos sindicatos integrantes da Plataforma que comunicaron a este organismo a celebración dunha concentración o dous de marzo na demanda de autonomía na xestión sanitaria da Mariña coincidindo cun congreso do Partido Popular. A Plataforma anunciou que o lema da campaña non é un simple titular, senón que continuará no traballo de denuncia iniciado fai tres anos ante os recortes na política sanitaria e o desmantelamento de servizos sanitarios en xeral e na Mariña en particular.
CAMPAÑA “PRA QUE NON NOS CALEN”
Representantes da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña deron inicio hoxe en Ribadeo á campaña “Pra que non nos calen” como resposta aos intentos de recortar a liberdade de expresión mediante o que consideraron “actitude represiva e persecución” por parte da Sub-dedelación do goberno do Estado en Lugo que impuxo dúas sancións económicas de 1.500 euros a sindicatos integrantes da Plataforma pola concentración do 2 de marzo en Burela.
Dende a Plataforma informarán á cidadanía recorrendo diferentes vilas da comarca, recollerán sinaturas a favor da autonomía de xestión sanitaria da comarca, para a mellora das infraestruturas e servizos sanitarios na comarca tanto en primaria como en especializada e na demanda dunha sanidade pública universal e gratuíta. Na mesma liña buscarán adhesións de colectivos e persoas particulares á entidade e apoio económico para continuar co traballo que ven desenvolvendo dende fai tres anos.
AGRADECEN AS MOSTRAS DE APOIO E O COMPROMISO DA XENTE PARA DEFENDERNOS DAS SANCIÓNS ECONÓMICAS.
Dende a Plataforma agradeceron publicamente as mostras de apoio recibidas por diferentes vías que en moitos casos son compromisos para testificar cando sexa preciso a favor da Plataforma e os sindicatos sancionados. Insistiron en que varias persoas asistentes ao congreso do PP celebrado o dous de marzo en coincidencia coa concentración da Plataforma “provocaron de maneira insistente ás persoas concentradas na defensa da sanidade pública e houbo un despregue excesivo de forzas de seguridade que alteraron unha protesta que en todo caso foi ruidosa pero pacífica”
PREOCUPACIÓN POLO PECHE DE CAMAS E SERVIZOS NOS CENTROS DE SAÚDE
Mostraron a súa preocupación polo recorte en servizos e a constante derivación de pacientes a centros fora da comarca, é evidente sinalaron, “ que o peche de camas no hospital da Costa vai supoñer un novo incremento nas listas de agarda cando xa estamos nos postos de cabeceira do sistema público de saúde”. Igualmente advertiron que prestarán atención á situación do Centro de Saúde de Cervo que leva tres días sen facultativo obrigando á xente a desprazamentos para consulta ou para pasar unha simple receita.
Para mais información chamar a Pilar Méndez
Tlf. 639933211
Non renunciamos ao Centro de Saúde de Aldán-O Hío
Mércores, 05 Xuño 2013 11:11

No ano 1.927 os veciños e as veciñas do Hío fixeron construir por suscripción popular a chamada Casa do Médico. Case un século máis tarde, o señor Sotelo, alcalde de Cangas, promove a mesma solución para atender as necesidades sanitarias da parroquia.
En realidade, o Partido Popular de Cangas pensa que os veciños e veciñas do Hío non se merecen o que piden, por iso a concelleira e tamén parlamentaria en Santiago, Berta Pérez Hernández, votou no Parlamento de Galicia a favor dos orzamentos da Xunta deste ano que excluían ao Centro de Saúde de Aldán-O Hío.
Un anacronismo e un disparate
O modelo de consultorio hoxe en día está desfasado. Os profesionais e a poboación precisan poñer en prática programas asistenciais e utilizar unha tecnología que non se adapta en absoluto a un microconsultorio dun só médico. A idea que agora nos trae o señor Sotelo, pasa por alto o Decreto 200/93 de Ordenación da Atención Primaria aprobado sendo responsable do SERGAS o actual presidente da Xunta, señor Feijoo, orientado a mellorar a calidade asistencial coa dotación aos centros de mellores infraestruturas e de equipos de profesionais.
Tampouco se soluciona para nada a dispersión asistencial que padecemos na parroquia, xa que arredor dun millar de cartillas terían que continuar desprazándose ao Centro de Saúde de Cangas. Nin siquera, disfrazando a proposta coa consulta pediátrica sería unha opción aceptable, pois a atención dos menores de 14 anos quedaría nunha situación precaria, compartindo horarios durante determinados días da semana co Centro de Aldán. A atención aos menores non é somente unha consulta.
Máis deficiencias que ventaxas
A situación deplorable do actual consultorio non se repara coa chapuza da Casa do Médico. Contrastando os planos aos que tivemos acceso a través dos medios de comunicación coa “Guía de planificación para o deseño e equipamento dos centros de saúde” (*) do SERGAS, podemos comprobar a calidade asistencial de nivel terceiromundista da proposta do señor Alcalde:
- as salas de consulta médicas e de enfermería son auténticos cubículos de 10,18 m2 e 4,8 m2 respectivamente, unhas dimensións moi inferiores aos estándares recomendados de 22 m2
- non hai sitio para colocar armario, báscula nin outra aparataxe nas consultas
- non se prevé un lugar para o arquivo de historias clínicas, nin para almacén de medicamentos
- as salas de espera con 6,50 m2 son moi inferiores ás estipuladas entre 16 m2 e 24 m2
- non existen aseos diferenciados para pediatría cos perigos de contaxio que isto representa
- non se dispón de sala de toma de mostras como é o caso da xinecoloxía, agora que as revisións veñen de ser transferidas a atención primaria
- non existe depósito ou almacén de residuos sanitarios, nin oficios de limpo e sucio
- non se contemplan espazos para padiola e cadeira de rodas na área de entrada
- presenta graves problemas de accesibilidade: as cadeiras de rodas deben realizar un xiro case imposible para acceder ás consultas médicas, non collen nas de enfermaría e non entran nas salas de espera
- condicións de traballo indignas para o persoal:
- as salas de consulta son tan pequenas que para sentarse @ médic@ precisará arrastrar previamente á mesa, a non ser que se provea de cadeiras xiratorias e aínda así non está moi claro que este problema se poida solventar
- non hai vestiarios, grave carencia xa que non se permite colgar a roupa en percheiros dentro das consultas, aínda que tampouco habería sitio para poñelos
- non se contemplan aseos por sexo
Un estrago de recursos económicos
Nunha situación de crise temos que esixirlle, se cadra, aos gobernantes maiores doses de responsabilidade, rendabilidade e eficacia na xestión pública.
Os 300.000 euros que se pretenden gastar entre a Consellería e o Concello non se xustifican cos servizos que se tentan ofrecer coa Casa do Médico. Esa cantidade supón, nada menos, que unha cuarta parte do investimento total para a construción do novo Centro de Saúde de Aldán-O Hío; uns cartos que moi ben se puideron ter incluído nos orzamentos da Xunta deste ano para comezar a obra.
E o máis preocupante é que con esta operación ruinosa renúnciase, de feito, a facerlle cumprir ao SERGAS coa súa parte do compromiso, consistente en construír o Centro de Saúde, despois de serlle cedidos os terreos do Viso, adquiridos no seu día polo Concello pola considerable suma de 400.000 euros.
Excusas
Cando nos din que non se pode construir o Centro de Saúde de Aldán-O Hío porque non hai cartos, temos que lembrar que este ano se destinaron nos ornamentos da Xunta fondos para a construción de máis de 20 centros de saúde en Galicia, co agravante de que en 2.012 xa había unha partida de 270.000 euros que se perdeu porque o alcalde non fixo nada para que se investise onde correspondía.
Mentiras e máis mentiras
Recentemente, o Pleno do Concello acordou dirixirse en tres ocasións (setembro de 2011, setembro de 2012 e xaneiro de 2013) á Consellería de Sanidade para que, dunha vez por todas, desen comezo as obras do novo Centro de Saúde de Aldán-O Hío. Toda unha cortina de fume. Xa con anterioridade ás eleccións municipais, o Partido Popular garantizaba o centro de saúde para 2012. De feito no programa electoral do señor Sotelo aparece a súa construción como un compromiso prioritario.
O último episodio desta continúa falta de respeto protagonizouna o señor Sotelo o pasado 11 de maio cando lles presentou aos representantes dos colectivos veciñais da parroquia a documentación para a rehabilitación da Casa do Médico, dedicando dúas plantas a “consultorio”, e, días máis tarde, remitía aos medios de comunicación uns planos dun proxecto ben distinto, cunhas instalacións sanitarias ubicadas somente na primeira planta ampliada. O escurantismo e as mentiras continúan sendo as maneiras de facer as cousas do señor Sotelo.
En conclusión
- O Alcalde, señor Sotelo, nunca foi á Consellería de Sanidade a reclamar o que os veciños pedían e queren. Todo este tempo estivo facendo teatro.
- O Alcalde, señor Sotelo, chantaxea aos veciños e veciñas do Hío para resolver o problema da titularidade xurídica da Casa do Médico que nada ten que ver coas necesidades sanitarias da parroquia.
A proposta do consultorio na Casa do Médico é unha trampa, pois, no caso de que a Consellería de Sanidade a aceptase, sería moito máis difícil que no futuro fora considerar o inicio das obras para a construcción do Centro de Saúde.
Desde a Plataforma denunciamos que o que realmente se pretende con estes enredos é enterrar definitivamente o proxecto do Centro de Saúde de Aldán-O Hío.

Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública de Cangas- SOS Sanidade Pública
(*) http://www.agefec.org/Almacen/Manuales%20y%20guias/guia%20equipamientos%20centros%20de%20salud.pdf
Etiquetas: cs do hio
A represión e a persecución política non calarán as denuncias das Plataformas pola Sanidade Pública
Mércores, 05 Xuño 2013 11:08
A REPRESIÓN E A PERSECUCIÓN POLÍTICA NON CALARÁN AS DENUNCIAS DA PLATAFORMA MARIÑÁ SOBRE O DETERIORO E PRIVATIZACIÓN DA SANIDADE PÚBLICA EN XERAL E NA MARIÑÁ EN PARTICULAR.
Á Plataforma cónstalle que os sindicatos sancionados estudan as alegacións contra as dúas sancións impostas pola Sub-delegación do Goberno do Estado á que acusa de persecución por impoñer dúas multas para unha única comunicación de concentración.
Dende a entidade insisten nas provocacións por parte de asistentes ao congreso do Partido Popular do 2 de marzo en Burela e a un exceso de presenza policial que alterou os ánimos dos manifestantes.
A Mariña, 27 de marzo de 2013. Representantes da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña compareceron na tarde de hoxe para valorar as dúas sancións impostas pola Sub-delegación do Goberno do Estado aos sindicatos – CIG e CCOO - con motivo da concentración celebrada o 2 de marzo na defensa da sanidade pública e pola autonomía da xestión sanitaria da comarca.
A Plataforma cualificou as dúas sancións impostas – de 1.500 euros cada unha – como un intento de pechar as voces que denuncian a degradación e privatización da sanidade pública en xeral e na Mariña en particular así como a perda da autonomía na xestión sanitaria pública comarcal. Neste sentido foron mais alá ao cualificar a decisión da sub-delegación de “represión e persecución” ao impoñer dúas sancións económicas cando a comunicación da concentración foi unicamente unha, non se entende a apertura de dous expedientes diferenciados para un único feito e unha única comunicación.
As sancións van ter as súas correspondentes alegacións e non van facer calar á Plataforma.
Anunciaron que as sancións van ter contestación mediante alegacións na actual fase do procedemento, e avanzaron que estas sancións en ningún caso van supoñer un freo ao traballo de denuncia da situación sanitaria da comarca por parte da Plataforma que en todo caso segue medrando no número de apoios e valoraron como moi positiva e significativa a integración da Xunta de Persoal do Hospital da Costa.
A Plataforma preguntouse si “non hai conflito de intereses” entre a militancia política e a responsabilidade institucional de quen asina as sancións, “descoñecemos en calidade de qué estaba presente o Sr. Carballo Páez no congreso do PP en Burela pero non sería propio e eticamente reprobábel que se convertera en xuíz e parte”
Provocación dos asistentes ao congreso do Partido Popular con xestos obscenos e degradantes que irritaron a moita xente.
Insistiron na valoración feita con posterioridade ao 2 de marzo en que a concentración estaba prevista como un acto ruidoso e pacífico como así foi, en ningún momento se superaron os valados perimetrais colocados e cualificaron de indignantes e irritantes a actitude dalgúns asistentes ao congreso do Partido Popular que fixeron xestos obscenos durante a concentración e chegaron a lanzar moedas a afectados por preferentes e subordinadas que apoiaban a concentración. Chama moito a atención que na xustificación da Sub-delegación para impoñer estas sancións “non se aluda en ningún momento a estes feitos cando non foron puntuais senón repetidos e chegaron a provocar a intervención das forzas de seguridade”. Para a Plataforma estes feitos así como o exceso de presenza policial alterou e irritou os ánimos dalgunhas persoas asistentes á concentración.
Campaña “pra que non nos calen a boca”
A Plataforma ten prevista a apertura dunha conta solidaria para seguir traballando na defensa da sanidade pública e para evitar que nos calen a boca con medidas represivas e persecutorias, neste sentido estudan a posibilidade de abrir unha conta solidaria para o financiamento de actividades así como actuacións informativas en diferentes puntos da comarca baixo o lema “para que non nos calen a boca”. É evidente, afirmaron, que estamos sendo molestos e molestas para uns dirixentes da Xunta e do Partido Popular que enganaron e mentiron reiteradamente á Mariña coa xestión da sanidade pública e responden coa represión a quen denuncia estas mentiras.
A Plataforma aproveitou para anunciar a súa presenza o 6 de xuño ás 20:30 na manifestación que terá lugar en Lugo para reclamar o servizo de hemodinámica as 24 horas, medicina nuclear e radioterapia no HULA.
Para mais información chamar a Xoán Bouza
Tlf. 610001330
Plataforma na Defensa da Sanidade Pública de Galiza
Publicado o Decreto da Mentira de Feijóo
Venres, 05 Abril 2013 13:12
COA PUBLICACIÓN DO DECRETO DE XESTIÓN INTEGRADA DE LUGO CONSÚMASE A TRAIZÓN DO SERGAS E DO PRESIDENTE DA XUNTA Á COMARCA QUE DEIXARÁ DE CONTAR COM CAPACIDADE PARA XESTIONAR RECURSOS ECONÓMICOS, HUMANOS, INFRAESTRUTURAS E PRESTACIÓNS SANITARIAS DA ÁREA SANITARIA MARIÑÁ QUE PASARÁN A DIRIXIRSE DENDE LUGO.
A PLATAFORMA DARÁ CURSO MEDIANTE REXISTRO NO PORTELO ÚNICO EN BURELA DOS MILLEIROS DE SINATURAS DE MARIÑAOS E MARIÑÁS PROMOVIDA POR PERSOAL DO HOSPITAL DA COSTA QUE PIDEN UNHA ÁREA DE XESTIÓN INTEGRADA PROPIA PARA A COMARCA
ANUNCIAN VARIAS INICIATIVAS ENTRE ELAS A PRESENZA NOS PLENOS ONDE SE DEBATAN INICIATIVAS SOBRE O ASUNTO
A Mariña, 5 de marzo de 2013. A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña integrada en SOS Sanidade Pública que agrupa na comarca a organizacións de doentes, veciñais, culturais, organizacións políticas e sindicais saíu hoxe ao paso da publicación no DOG do Decreto de Xestión Integrada de Lugo que consuma a traizón dos compromisos adquiridos polo SERGAS e o Pte. da Xunta en 2010 para que a comarca contara cunha xerencia de seu con capacidade para decidir sobre recursos humanos, económicos, infraestruturas e prestación de servizos da área Sanitaria, do Hospital da Costa e os centros de saúde. O Decreto establece con claridade a existencia xerentes executivos en Burela e Monforte que estarán ao que dispoña o novo xerente de área integrada con dirección en Lugo. A Plataforma anunciou que o próximo martes ás 11:00 no portelo único do Concello de Burela dará rexistro aos milleiros de sinaturas recollidas na iniciativa promovida por persoal do Hospital da Costa reclamando unha área de xestión integrada propia. Igualmente anunciou varias iniciativas entre elas a presenza nos plenos da comarca onde se debatan iniciativas relacionadas con este tema.
Denuncia da situación do Centro de Saúde de Serantes
Luns, 01 Abril 2013 09:45
Desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol queremos DENUNCIAR a grave situación na que se atopa o Centro de Saúde de Serantes.
Ao peche do Consultorio da Graña, ás obras que nunca rematan na ampliación do mesmo e que producen masificación, lista de espera e empeoran a asistencia sanitaria, do que non son responsables, en caso ningún, os profesionais que desenvolven alí o seu traballo que tamén sofren esas malas condicións, se ven a sumar a ausencia por diferentes razóns de dous facultativos.
D. José Pedrouzo Bardelas que non consultou a semana pasada e no que vai desta semana e tamén D. Francisco José Cenalmor Palanca por mor dunha Incapacidade Temporal.
Desde a Xerencia da Xestión Integrada de Ferrol non se ten substituído a estes dous facultativos e se acumulan os seus cupos nos outros tres facultativos restantes o que está a ocasionar, listas de espera, sobrecarga de traballo para estes profesionais e a imposibilidade de prestar o servizo nas debidas condicións.
Tamén hai problemas coa activación das tarxetas electrónicas e se está a remitir a doentes ao Fontenla Maristany para que resolvan o problema o que lles ocasiona unha grave molestia .
Demandamos do Sr. Facio Villanueva , que ten declarado repetidas veces que non ía facer recortes en persoal e que ía substituír sempre aos profesionais que fose necesario, a que resolva de xeito inmediato esta situación que afecta gravemente a usuarios e traballadores do Centro de Saúde de Serantes.
Queremos lembrar que desde que o Sr. Facio Villanueva é Xerente da Área de Xestión Integrada, se pecharon , sen ningunha razón asistencial que o xustifique, os consultorios de A Graña en Ferrol e do Seixo en Mugardos, que ESIXIMOS sexan reabertos de xeito inmediato.
Do que pasa no Centro de Saúde de Serantes é unicamente responsable o Sr. Facio Villanueva e en caso ningún o son os profesionais que prestan alí os seus servizos que se ven desbordados pola situación.
Máis artigos...









