SOS-Sanidade Pública en apoio do compañeiro Xabier Aboi

Sábado, 12 Novembro 2011 11:57

Imprimir

Plataforma SOS Sanidade Publica quere mostrar o seu máis firme rexeitamento á denuncia interposta pola Consellería de Sanidade diante da Fiscalía contra Xabier Aboi membro da Plataforma Para a Defensa da Sanidade Pública de Marín por denunciar publicamente que os recortes no servizo de ambulancias de Marín incrementaran os tempos de resposta por enriba do que recomendan os expertos e que como consecuencia desta situación producíronse tres incidentes con resultado de morte por cardiopatía que non foron ben atendidos.

En segundo lugar queremos mostrar o noso apoio a un compañeiro que exerceu o seu dereito de expresión e de protesta utilizando unha información que se pode consultar no Parlamento despois de que a Consellería entregase os documentos a petición da oposición.

O fondo do problema está no rexeitamento da poboación de Marín ao peche do servizo de ambulancias pola noite, medida de recorte de recursos que esta repercutindo negativamente na calidade da atención sanitaria á cidadanía.

A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública de Marín convocou xa dúas manifestacións de protesta que congregaron a miles de veciñas e veciños e leva recollidas máis de 14.000 sinaturas contra esta medida.