Manifesto lido ao final das manifestacións do día 10

Mércores, 11 Decembro 2013 00:00

Imprimir

Non ao negocio coa nosa saúde!

Sanidade pública universal, gratuíta e de calidade!

 

A Sanidade non é un privilexio, é unha necesidade; non é unha dádiva que nos conceden, é un dereito. Ante a enfermidade, precisamos duns servizos sanitarios que nos axuden a mellorar, a sobrelevar a debilidade que nos produce, a sandar. E estes servizos sanitarios deben atendernos a todos e todas por igual, sen discriminacións nin desigualdades. Iso só pode garantizalo a Sanidade Pública.

Por iso estamos hoxe aquí, porque desde hai un tempo a Sanidade que temos xa non pode atendernos con equidade, xa non podemos acceder a ela nas mesmas condicións independentemente de quen sexamos. Os gobernos central e da Xunta están a desmantelar a Sanidade Pública, converténdoa nun nicho de negocio para empresas amigas, vendéndoa por pezas e ao mellor postor. Esa é a folla de ruta que teñen marcada para os servizos públicos, esa é a súa meta: eliminar a Sanidade Pública para poder facer negocio coa enfermidade das persoas.

Durante os últimos anos, o goberno da Xunta impulsou todo tipo de medidas que afondan no desmantelamento da Sanidade Pública:

O persoal que traballa no SERGAS non está disposto a participar nese xogo, non cederemos á chantaxe. Non imos cambiar a calidade da sanidade pública por uns incentivos que son pan para hoxe e fame para mañá. Por iso convocamos esta folga que hoxe remata. Porque, lembrémolo, ademais de traballadores e traballadoras da Sanidade Pública, tamén somos usuarios e usuarias dela, e os recortes que minguan a calidade da Sanidade tamén nos afectan a nós. Do mesmo xeito que todos os recortes que se lle fan ao persoal afectan ás persoas usuarias da sanidade. Só hai que lembrar que as reducións en salarios, días libres, coberturas de baixas laborais e, sobre todo, a eliminación da contratación de substitucións e da provisión de postos de traballo, implican menos persoal facendo atención sanitaria, máis cargas de traballo, xornadas máis longas, maior estrés laboral e, por conseguinte, menor rendemento e maiores posibilidades de erros, é dicir, menor calidade asistencial.

Núñez Feijóo leva 5 anos na Xunta; nunca un goberno, en tan pouco tempo, fixo tanto dano á Sanidade Pública e ás usuarias e usuarios. Se ata o de agora a calidade da Sanidade Pública se ía mantendo minimamente era grazas aos esforzos de profesionais e doentes, que poñéndoo todo da súa parte foron paliando en maior ou menor medida os graves ataques que Alberto Núñez Feijóo, Rocío Mosquera e o goberno da Xunta están a perpetrar contra un ben tan prezado como é a Sanidade Pública.

Non pensan parar. Non teñen outra meta que rematar coa Sanidade Pública e entregarlla en bandexa a empresas privadas, grandes bancos, fondos de inversión e especuladores que só buscan lucrarse a costa dos nosos petos e da nosa saúde.

Non podemos permitilo. A saúde non é un negocio. Non pode ser un negocio. Poñámoslle freo a esta senrazón. Deteñamos a barbarie. Sanidade Pública universal, gratuita e de calidade!