Saúde Mental

Movemento Galego da Saúde Mental

Apoios

SOS-sanidadepublica-Cultura

Con humor

2012-05-21_VIN_2012-05-14_00_32_43_davila

Plataformas Sanidade

* Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol


* Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte de Lemos


* Plataforma contra a privatización de Pontevedra


* Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área de O Barco


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública do Salnés


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Lugo


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Ourense


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Verín

* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Cangas


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Moaña

* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Santiago


* Plataforma pola Defensa e Mellora da Sanidade Pública da Coruña

* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Vigo


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública na Mariña

* Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza

* Asociación Galega para a defensa da Sanidade Pública (Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública)


Procurar



Manifesto lido ao final das manifestacións do día 10

Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

Non ao negocio coa nosa saúde!

Sanidade pública universal, gratuíta e de calidade!

 

A Sanidade non é un privilexio, é unha necesidade; non é unha dádiva que nos conceden, é un dereito. Ante a enfermidade, precisamos duns servizos sanitarios que nos axuden a mellorar, a sobrelevar a debilidade que nos produce, a sandar. E estes servizos sanitarios deben atendernos a todos e todas por igual, sen discriminacións nin desigualdades. Iso só pode garantizalo a Sanidade Pública.

Por iso estamos hoxe aquí, porque desde hai un tempo a Sanidade que temos xa non pode atendernos con equidade, xa non podemos acceder a ela nas mesmas condicións independentemente de quen sexamos. Os gobernos central e da Xunta están a desmantelar a Sanidade Pública, converténdoa nun nicho de negocio para empresas amigas, vendéndoa por pezas e ao mellor postor. Esa é a folla de ruta que teñen marcada para os servizos públicos, esa é a súa meta: eliminar a Sanidade Pública para poder facer negocio coa enfermidade das persoas.

Durante os últimos anos, o goberno da Xunta impulsou todo tipo de medidas que afondan no desmantelamento da Sanidade Pública:

  • Privatizacións como as da electromedicina, a plataforma loxística, cociñas e lavanderías, mantemento, a xestión de Raios, agora xa se fala de laboratorios.... Estas medidas privatizadoras conseguen que os servizos se presten con peor calidade, que as empresas privadas decidan qué aparatos comprar, qué prestacións ofrecer, canto material ou persoal recortar... E xa sabemos que as empresas privadas buscan o lucro, non traballan para beneficio de ninguén máis que de si mesmas.
  • Implantación de copagamentos, ou, máis ben, repagamentos, como os das ambulancias, os das ortopróteses ou os dos medicamentos, instaurando un verdadeiro imposto á enfermidade. A día de hoxe, son moitas as persoas que non recollen os medicamentos que se lles prescriben por non poder facer fronte ao pago. Velaí a equidade, sanidade para ricos, as persoas con menos recursos fican fóra.
  • Peche de camas durante meses, mesmo plantas enteiras, que nalgúns casos continúan pechadas nestes momentos. E logo inda nos veñen con contos propagandísticos cando falan das listas de espera. As listas de espera son grandes e medran día a día, por causa dese peche de camas, pola mala xestión que se está a facer e tamén porque pensan que nos enganan mantendo persoas en listas de espera ocultas.
  • Agora, intentando matar dous paxaros dun tiro, acaban de aprobar no Parlamento, cos únicos votos do Partido Popular, a Lei de Garantías, que pretende implicar unha redución de listas de espera, pero que en realidade agocha unha privatización encuberta, pois ao chegar ao límite de prazo de permanencia na lista recollido nesa lei, a persoa poderá optar por ser atendida na privada, iso si, pagando por anticipado, outra mostra máis de que só poderá acceder á sanidade quen poida pagala e de que se trata de darlle negocio á privada.
  • Implantación da obrigatoriedade de derivar os casos de accidentes de tráfico menos graves ás clínicas privadas, aumentando así o beneficio destas empresas a costa da nosa saúde e dos nosos petos.
  • No seu momento, coa creación de macro-áreas de xestión integrada empezaron a afastar o servizo sanitario dos territorios periféricos do país, agora afondan nesa liña indo máis alá, e establecendo Áreas de Servizo Compartido, como a Área de Hemodinámica e Cardioloxía Intervencionista da zona norte de Galiza ou a Área de Cirurxía Pediátrica, que abarca todo o sur galego e que implica, por exemplo, que un neno da comarca de Valdeorras tería que ser trasladado ata máis de 200 km de distancia para ser atendido por un cirurxián pediátrico.
  • E como inda non é suficiente, agora está enriba da mesa a proposta de Áreas de Xestión Clínica, que pretende trasladar ás persoas que traballan na Sanidade Pública, ás e aos profesionais, a responsabilidade de recortar, chantaxeándoos con incentivos ligados ao aforro.

O persoal que traballa no SERGAS non está disposto a participar nese xogo, non cederemos á chantaxe. Non imos cambiar a calidade da sanidade pública por uns incentivos que son pan para hoxe e fame para mañá. Por iso convocamos esta folga que hoxe remata. Porque, lembrémolo, ademais de traballadores e traballadoras da Sanidade Pública, tamén somos usuarios e usuarias dela, e os recortes que minguan a calidade da Sanidade tamén nos afectan a nós. Do mesmo xeito que todos os recortes que se lle fan ao persoal afectan ás persoas usuarias da sanidade. Só hai que lembrar que as reducións en salarios, días libres, coberturas de baixas laborais e, sobre todo, a eliminación da contratación de substitucións e da provisión de postos de traballo, implican menos persoal facendo atención sanitaria, máis cargas de traballo, xornadas máis longas, maior estrés laboral e, por conseguinte, menor rendemento e maiores posibilidades de erros, é dicir, menor calidade asistencial.

Núñez Feijóo leva 5 anos na Xunta; nunca un goberno, en tan pouco tempo, fixo tanto dano á Sanidade Pública e ás usuarias e usuarios. Se ata o de agora a calidade da Sanidade Pública se ía mantendo minimamente era grazas aos esforzos de profesionais e doentes, que poñéndoo todo da súa parte foron paliando en maior ou menor medida os graves ataques que Alberto Núñez Feijóo, Rocío Mosquera e o goberno da Xunta están a perpetrar contra un ben tan prezado como é a Sanidade Pública.

Non pensan parar. Non teñen outra meta que rematar coa Sanidade Pública e entregarlla en bandexa a empresas privadas, grandes bancos, fondos de inversión e especuladores que só buscan lucrarse a costa dos nosos petos e da nosa saúde.

Non podemos permitilo. A saúde non é un negocio. Non pode ser un negocio. Poñámoslle freo a esta senrazón. Deteñamos a barbarie. Sanidade Pública universal, gratuita e de calidade!